Ponte Caldelas convocará ás comunidades de augas para axudar á modernización da súa xestión
Por Redacción
O goberno local de Ponte Caldelas convocará ás comunidades de augas a unha xuntanza na Casa do Concello durante a semana próxima. O obxectivo da xuntanza é analizar a situación a día de hoxe, establecer pautas para a modernización da xestión destas infraestruturas veciñais e, finalmente, ofertar a colaboración municipal para o rexistro administrativo de novas captacións que contribúan a mellorar o abastecemento.
O alcalde, Andrés Díaz, subliña que a situación a día de hoxe é que moitas parroquias xa teñen cortes no subministro.
O Concello dispón de traída municipal no centro urbano, así como nos lugares próximos como Cuñas, Parada, Caldelas, A Fraga e, parcialmente, Pazos. O subministro está garantido a medio prazo polo bombeo do río Verdugo, así como a trintena de captacións municipais.
Unha das máis importantes foi recuperada o pasado ano polo Concello, pois viña sendo utilizada irregularmente.
O alcalde considera que é o momento axeitado para desenvolver o traballo administrativo que permita regularizar novos mananciais de cara o próximo verán. O obxectivo é reforzar as comunidades de augas das parroquias e minimizar así a escaseza. Un labor que require tamén presentar documentación diante de Augas de Galicia e solicitudes ás subvencións da Xunta de Galicia, que se convocan anualmente en torno ao mes de febreiro. A realidade é que as directivas das comunidades carecen moitas veces dos coñecementos e do persoal necesario para abordar este procedemento. Aí é onde o Concello se ofrece para botar unha man.
Por outra banda, Díaz Sobral considera que as comunidades veciñais deben ir camiñando cara á modernización da xestión, xa que hai consumos excesivos e resulta inaprazable introducir límites para que a auga poida durar. É tamén o momento de abrir o debate sobre a falta de mantemento de moitas desas traídas veciñais, o que redunda en perdas e avarías. "Queremos falar con eles de sostibilidade, porque en Galicia aínda temos unha cultura de que sobra a auga e, desgraciadamente, hai xa uns anos que non é así".