Galiza Nova renova a súa dirección comarcal co reto de fortalecer a súa base social
Por Natalia Puga
A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, renovou a súa dirección comarcal en Pontevedra e Umia tras a marcha da súa anterior responsable, Sabela Bará. Tomaron a substitución, tras unha asemblea celebrada hai tres semanas, Diego Moreira, Zeltia Pino, Almudena Acuña e Julien Coucier.
O novo responsable comarcal é Diego Moreira, un mozo de Soutomaior de 22 anos estudante do grao de Dirección e Xestión Pública en Pontevedra. Leva en Galiza Nova desde o ano 2015 e lideraba a única candidatura que os militantes propuxeron na asemblea para renovar a dirección. Este mércores presentouse ante os medios de comunicación.
Tras agradecer o traballo da antiga responsable comarcal porque "se hoxe en día temos a organización que temos é grazas ao seu traballo durante todos estes anos", Diego Moreira avanzou que asumen a dirección conscientes de que "estamos nun momento crucial" e co reto de "fortalecer Galiza Nova como unha organización referencial na comarca e non país", confirmándoa como a organización xuvenil máis "potente" da comarca, con 92 afiliados.
Ademais, queren "contribuír ao crecemento do BNG e do nacionalismo nun momento clave da historia, no que Galicia non pode perder o tren das nacionalidades" e márcanse como obxectivo aumentar a base social e fortalecer aos integrantes. A liña a seguir marcarase nunha reunión ao longo deste mes.
Nesta nova etapa hai un rostro xa coñecido, o de Zeltia Pino, que na anterior dirección era responsable de organización e agora pasa a ser viceresponsable comarcal. É veciña de Pontevedra e estudante do grao de Educación Infantil. Ademais, pasa a ser resonsable de organización a estudante de Químicas de Poio Almudena Acuña e asume as tarefas de comunicación o veciño de Pontevedra Julien Coucier, estudante do grao de Filoloxías Clásicas.