"O que era obxectivo é que había veciños que soportaban as consecuencias do modo de relacionarse que tiñan naquel momento grupos de mozos que establecían esa convivencia no Campillo bebendo ou non bebidas alcóholicas. O que tiña claro é que eses veciños tiñan dereito a vivir con dignidade".
É a máxima da que parte Guillerme Vázquez, concelleiro de Seguridade Cidadá en Pontevedra hai dez anos e quen asumiu a responsabilidade naquel momento de erradicar o "problema de convivencia" que existía no centro histórico: el botellón.
Desprazáronse a outras cidades, estudáronse normativas que se fixeron fóra e "optamos pola única solución posible e razoable, como demostrou a realidade: facer unha ordenanza e aplicala", engade. Unha decisión que non estivo exenta de oposición e que non veu precisamente por parte dos mozos.
"Levabamos anos sufrindo a situación e ao tempo tentando concienciar aos pais, ofrecendo alternativas de lecer... pero non había forma de solucionalo. Finalmente conseguimos co Concello unha colaboración, e aínda que foi complicado conseguir o acordo de todos os partidos, penso que os veciños fixemos un importante labor", apunta a parte "sufridora" daquel momento, Pilar Señoráns, presidenta da Asociación de Veciños Santa María.
A decisión política veu acompañada do respaldo policial, non de carácter represivo, senón preventivo e informativo. Desde esta perspectiva achega a experiencia o xefe da Policía Local, Daniel Macenlle: "Chegamos a meter patrullas a pé no Campillo. Aquilo asustaba un pouco, non sabiamos como ían reaccionar. O que tiñamos claro é que non era unha reunión de delincuentes, senón de rapaces normais. Explicámoslles o que faciamos alí con dúas finalidades, evitar pelexas e as agresións ao patrimonio".
Coa normativa en vigor e o paso do tempo evidenciouse que a conflitividade quedou en cifras ínfimas, que os veciños poden descansar, que recuperaron eses lugares do centro histórico, e que co espazo habilitado no Recinto Feiral,- denominado popularmente "botellódromo"-, a congregación de grupos de mozos tamén se reduciu ostensiblemente.
"Nos dez anos que pasaron non se alcanzaron as cen denuncias por incumprir esta norma", resume de forma ilustrativa Macenlle.