Empezan as obras para mellorar un quilómetro de estrada en Carrizáns, en A Lama
Por Redacción
A Consellería do Medio Rural iniciou as obras para responder a unha demanda veciñal da Lama: o asfaltado e reparación da estrada de Carrizáns. Supoñerá un investimento de 60.000 euros.
Segundo informou o Concello da Lama, trátase dunha petición realizada polo alcalde, Jorge Canda, á conselleira responsable do departamento, Ángeles Vázquez, de modo que o rexedor acudiu para supervisar o inicio das obras.
A actuación supoñerá asfaltar un traxecto aproximado dun quilómetro que comunica o municipio desde Antas ata O Peso-A Escuadra e que axuda a vertebrar os desprazamentos interiores á vez que favorece un mellor acceso para o tráfico rodado para os veciños.
O Concello destaca a necesidade evidente de mellorar o tráfico habitual de veciños por este viario que dá acceso a un bo número de casa e que permite acurtar distancias entre Antas e A Escuadra ou Covelo, entre outros lugares, e viceversa.
As obras supuxeron o despregamento dun amplo dispositivo de camións, extendedoras e máquinas dispensadoras de asfalto nas inmediacións de Carrizáns.
O alcalde, Jorge Canda, explicou que os trámites burocráticos de licitación pública da intervención provocou que se atrasase ao mes de outubro, pero grazas a dispoñer dunha climatoloxía favorable poderase actuar con garantías neste viario que tamén sufriu moito por efecto do paso dos camións utilizados para a construción da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP).