Acometen melloras nos parques de Carballedo e Cerdedo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de rematar unha nova fase do plan municipal de creación e mellora de parques infantís, co que se pretende dotar ou renovar estas infraestruturas de xogo e lecer nas 21 parroquias e que nesta ocasión beneficiou ás instalacións de Carballedo e Cerdedo.
En concreto, o espazo infantil da rúa das Longas de Cerdedo sufriu unha remodelación integral nas últimas semanas, xa que se retiraron todos os elementos antigos e creouse un novo parque con materiais e xogos de última xeneración no mesmo emprazamento. Tras uns traballos intensos, esta instalación quedou rematada e vén de abrirse ao público.
Pola súa banda, o parque de Carballedo xa ten instalada unha fonte de auga en pedra para atender as demandas de nais e pais dos cativos usuarios, que explicaron que era unha necesidade para que os rapaces puideran refrescarse nos días de calor, que son precisamente aqueles nos que este espazo rexistra unha maior afluencia.
Deste xeito, o Concello xa acometeu unha ducia de actuacións nesta materia no que vai de mandato municipal, pero a intención é completar todas as parroquias nos vindeiros 18 meses.
Para elo, xa está decidido que os próximos investimentos nesta área sexan en Borela, onde xa están contratados os traballos, Viascón e Santa María de Sacos.
Paralelamente a este plan, o goberno local tamén ten previsto desenvolver un proxecto de revisión e reparación destes recintos para mellorar o lecer e a seguridade dos menores. O executivo incluso dispón dunha memoria técnica elaborada polos servizos municipais co obxectivo de que todos cumpran coas normativas autonómica e europea -algo que xa sucede na meirande parte dos casos- e que se eliminen os elementos con ferruxes, as pintadas e os musgos e se instalen pisos e elementos de caucho e peches perimetrais homologados.