Unha condutora sofre feridas ao impactar contra o muro do seu garaxe
Por Redacción
Unha muller sufriu feridas na tarde deste martes en Pontevedra ao impactar contra un muro situado no interior do seu garaxe. A vítima recibiu un golpe na cabeza.
Un particular alertaba ás 15.55 horas ao servizo de Emerxencias do 112 Galicia sinalando que a muller confundiu o freo co acelerador e acabou impactando contra a parede. Os feitos rexistrábanse no número 60 da rúa Joaquín Costa.
O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias avisaba ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Pontevedra, aos integrantes de Protección Civil e á Policía Local.
UN CONDUTOR, FERIDO EN VILABOA
Por outra banda, o condutor dunha furgoneta resultaba ferido nun accidente que se producía ao redor das 18.00 horas en Paredes, no Concello de Vilaboa, segundo indicaban testemuñas presenciais.
O home saíase da vía, por causas que se investigan, golpeando contra un turismo que se atopaba aparcado na contorna dun restaurante da zona.
Ata o lugar achegábase unha ambulancia medicalizada e unha brigada da Garda Civil de Tráfico.