Comeza a canalización do regato que desemboca na praia da Concha
Por Aitana Vidal & Anxo Lourido
O regato que desemboca na praia da Concha causaba problemas de desbordamento nese ámbito sempre que se producían chuvias fortes. Foron frecuentes os casos nos que as augas negras da rede de saneamento se xuntaban coas pluviais que buscaban a saída pola desembocadura do regato. Por ese motivo o Ministerio de Fomento decidiu comezar as obras de canalización deste tramo como obra compensatoria pola construción da liña da AVE. A nova canalización iníciase polo tramo final para garantir que a praia da Concha estará en perfectas condicións coa chegada do bo tempo.
Xa comezaron os traballos coa apertura da gabia pola que se introducirá o regato de forma subterránea. Vaise recanalizar ese último tramo dende a zona da Escardia ata a desembocadura. Con esta medida, o Concello de Vilagarcía espera que finalicen os problemas derivados da confluencia en varios puntos da rede de saneamento co curso do regato subterráneo.
Nesta primeira fase, as obras realizaranse por un lateral do xardín da Concha. O regato irá aberto no tramo entre o Paseo Marítimo e da súa desembocadura ao mar, en paralelo ao dique do porto do Ramal. O segundo tramo atravesará a Avenida Rosalía de Castro e executarase no momento de menor intensidade de tráfico. A última fase será entre as vivendas situadas fronte ao arela e continuarán cara á zona da Escardia.
O concelleiro responsable da área, Jesús Longa, ten previsto reunirse coas mariscadoras que faenan na praia para explicarlles a intervención. Segundo os técnicos de Fomento, a obra evitará os problemas de desprazamento de area das zonas de faena que se rexistraban cando o regato se desbordaba.