Empezan as obras no viario de Fabal a Monte Faro
Por Redacción
Este luns comezaron as obras de mellora da drenaxe e da capa de rodaxe do viario de Fabal a Monte Faro, que enlaza coa vía rápida.
A actuación terá un orzamento de 48.000 euros, asumidos polo Concello. O prazo para a execución do case un quilómetro de obra será dun mes.
Este viario, que une a parroquia de Adina coa de Noalla, atópase nun estado de deterioración considerable, coa capa de rodaxe gretada e roturas no pavimento, debido ao tempo transcorrido sen que se acometesen nel tarefas de mantemento e conservación, así como polo tránsito de vehículos dos usuarios da devandita vía.
A relación de obras a executar no lugar, resúmense principalmente na roza e a limpeza das cunetas e as marxes de viaria, escarbado nas zonas localizadas de maior deterioración para dotalas dunha base de grava e finalizar co acondicionamento completo do viario.
Previo inicio ás obras foi necesario obter autorizacións sectoriais da Axencia Galega de Infraestruturas, por estar o viario afectado por unha zona de servidume, así como pola zona de afección da vía rápida, a Augas de Galicia, por ser zona de canle de rega, á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por estar a actuación proxectada nun viario afectado polo túmulo 1 de Monte de Faro, dentro da zona de protección do patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e etnográfico e, por último, á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, por afectación do POL.