A Deputación renovará a capa de rodadura en catro estradas do Salnés
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vai mellorar a capa de rodadura de varios treitos de catro estradas na comarca do Salnés, nos concellos de O Grove, Meaño e Meis. A intención, segundo explica o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, é aumentar a adherencia das vías mediante a execución dunha capa de tratamento antiescorregadizo, acadando unha mellora notable da seguranza viaria.
Os servizos técnicos da Deputación consideraron necesario realizar as actuacións:
- Na EP-9103 entre Rampa-Meloxo, no Concello de O Grove.
- Na EP-9305 entre Coirón-Ribadumia- Leiro, no Concello de Meaño.
- Na estrada EP-9402 entre Mosteiro-Barrantes, no Concello de Meis.
- Na EP-9405 San Martiño-Armenteira- Busto, no Concello de Meis.
O orzamento para facer estes traballos, nos que tamén se inclúen outros dous treitos de estradas en Mos e A Cañiza, ascende a 53.259,94 euros. Os traballos terán que estar executados nun prazo dun mes a partir da data de replantexamento.
Este tipo de melloras e actuacións de mantemento dos firmes das estradas provinciais realizarase a partir de 2018 a través dun novo contrato marco que permitirá axilizar as contratacións para, unha vez detectadas deficiencias nos asfaltados, poder realizar os traballos de acondicionamento sen ter que pasar por un longo procedemento administrativo.
Segundo explica o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, trátase da primeira vez que a Deputación de Pontevedra pon en marcha un acordo marco que permitirá realizar actuacións puntuais nas estradas provinciais (corrixir pavimentos escorregadizos, fendas, afundimentos ou peraltes defectuosos, entre outras) de xeito eficiente, planificado, áxil e con garantías administrativas.
En virtude dese acordo marco para executar o plan de rehabilitación de firmes, a provincia dividirase en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes serán as responsables da execución de todas e cada unha das obras necesarias en cada área.