Os pontevedreses, partidarios de crear un gran parque público no recinto do convento de Santa Clara
Por Redacción
O peche do convento de clausura de Santa Clara coa mudanza a Santiago de Compostela das tres únicas monxas que permanecían no recinto abriu un amplo abano de posibilidades para o futuro uso do recinto. Entre todas elas, os pontevedreses móstranse partidarios de abrir a horta e o xardín actuais á cidadanía para o uso e goce público.
PontevedraViva realizou nas última semanas unha enquisa entre os seus lectores para pulsar a súa opinión sobre o posible uso do recinto a raíz do anuncio do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, de que iniciaba as xestións para tratar de incorporar o convento ao patrimonio municipal.
Unha ampla maioría dos participantes apostou por crear un gran parque público nos 13.000 metros cadrados de terreo que atesoura en pleno centro de Pontevedra. En concreto, o 44,84% do medio milleiro de votantes decantouse por esa opción.
A enquisa recollía como opcións posibles a creación dese parque, destinalo a usos sociais, crear unha biblioteca municipal, habilitalo como hotel de lugo ou esperar a que cheguen novas monxas, pois o peche debeuse á falta de substitución xeracional na súa comunidade relixiosa. No cenobio vivían xa soamente tres relixiosas, dous delas octoxenarias e unha terceira chegada desde Santiago para axudarlles.
A segunda opción que recibiu máis apoio foi a creación dunha biblioteca municipal, cun 16,84% do respaldo, seguido de destinalo a usos sociais (16%) ou de adoptar unha actitude máis cautelosa e esperar a ver se aumentan as vocacións relixiosas que enchan de novo o recinto (14,11%). O hotel de luxo é o uso que menos convence aos lectores de PontevedraViva (8,21%).
Relacionadas:
-
O Concello, en negociacións para a compra do convento de Santa Clara
Por Alejandro Espiño |
-
O alcalde interésase por conectar os xardíns de Santa Clara con Barcelos pero afirma que o acordo coas clarisas "vai lento"
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O convento de Santa Clara pecha as portas e ábrese a opción dun gran parque xunto a Barcelos
Por Redacción |
-
O futuro de Santa Clara decidirase a mediados de xaneiro
Por Alejandro Espiño |
-
O antigo edificio de Facenda, futuro arquivo histórico provincial?
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello, aberto a negociar para recuperar "para toda a cidade" o convento de Santa Clara
Por Alejandro Espiño |
-
Pecha o convento de clausura de Santa Clara
Por Redacción | Creada e actualizada