Lourido volve renderse ao sabor exquisito da navalla
Por Redacción & Diego Torrado
O calendario de festas gastronómicas de Poio chegou á súa fin. O broche de ouro púxoo, ao longo desta fin de semana, a quinta edición da Festa da Navalla que se celebrou en Lourido.
Centos de persoas achegáronse ata a praia de Lourido para degustar este saboroso produto das rías galegas que, como vén sendo habitual, estivo ademais acompañado de polbo para aqueles que preferiron outra opción.
As navallas á prancha volveron ser o prato máis demandado nesta festa gastronómica, aínda que tamén se puido degustar en tortilla, en empanada ou acompañadas de arroz.
A festa estivo amenizada por grupos de gaitas e música tradicional e tamén, na noite do sábado, pola actuación do Grupo Azabache.