A Oktoberfest regresa a Campelo cun maior menú e máis actividades
Por Redacción
A Praza da Granxa de Campelo acollerá a próxima fin de semana, os días 13 e 14 de outubro, a quinta edición da festa Oktoberfest organizada pola Sociedade Cultural e Deportiva de Campelo. E nesta ocasión chega cargada de novidades.
O principal atractivo volverá ser, sen dúbida, a degustación gastronómica. Haberá unha ampla variedade de cervexas e salchichas, hamburguesas e incorpórase a posibilidade para comer codillo. Os organizadores explicaron que se poderá pedir media ración ou unha enteira.
Manteranse ademais os prezos populares da última edición.
A música tamén terá un protagonismo especial coas actuacións de Pablo Balseiro e Los Cascarillas e Leo I Arremecaghona na xornada do venres; e a Escola de Acordeóns de Campelo, a Charanga Noroeste, Pablo Balseiro e Tony Lomba na do sábado.
A programación da festa complétase cunha concentración moteira que se celebrará o sábado ao mediodía, cunha exhibición de zumba e cun servizo de ludoteca infantil, no Local Social de Campelo.
O Oktoberfest de Campelo dispoñerá dun autobús gratuíto que, de forma circular, partirá da igrexa de San Roque e chegará a Campelo tras pasar por Pazo de Ferreirós, Combarro e Seara.