Piden redobrar os esforzos para chegar ás "mulleres silenciadas" pola violencia machista
Por Redacción
Profesionais do mundo da saúde, da psicoloxía e de agrupacións especializadas en atención ás vítimas das violencias machistas participaron este sábado na xornada Intervención contra as violencias machistas: un enfoque multidisciplinar, organizada pola Rede Galega de Igualdade na Casa Rosada de Poio.
As intervencións puxeron sobre a mesa a escasa percepción que as vítimas das violencias machistas teñen sobre a existencia de mecanismos de axuda que están á súa disposición.
Chegar ás "mulleres silenciadas", en palabras da médica Rosana Izquierdo, debe ser por tanto un obxectivo ineludible para administracións, colectivos e profesionais especializados na materia.
A erradicación de condutas violentas pasa tamén por un labor preventivo cos homes, un traballo que realiza o programa Abramos o Círculo do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que ofrece atención especializada a varóns interesados en aprender a resolver conflitos pola vía do diálogo.
"A seguridade das mulleres mellórase tamén traballando cos homes", apuntou o psicólogo Rubén Villar.
A representante da coordinadora da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, Raquel Doval, apostou por ofrecer axuda dende unha perspectiva feminista e reclamou unha mellora da coordinación para que a asistencia chegue de forma efectiva ás mulleres.
O proxecto da Rede Galega de Igualdade continuará os días 13, 14 e 15 de outubro cun curso de comunicación oral con perspectiva de xénero que terá lugar na casa da cultura Roberto Blanco Torres, en Cuntis.
Relacionadas:
-
O Colectivo Feminista organiza un debate sobre o Pacto de Estado en materia de violencia de xénero
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Moción do PSOE para que se activen as medidas do pacto contra a violencia de xénero
Por Oskar Viéitez |
-
Marea Marín crea un espazo propio para o feminismo
Por Oskar Viéitez |
-
Outubro, un mes enfocado na formación para promover a igualdade efectiva entre mulleres e homes
Por Natalia Puga |