Cerdedo-Cotobade mellora os valados e peches dos servizos municipais
Por Redacción
Conservar os valados en áreas recreativas e dotar de peches espazos municipais co obxectivo de mellorar o seu mantemento e reforzar a delimitación de zonas e a seguridade dos usuarios e veciños. É o que busca o plan que vén de poñer en marcha o Concello de Cerdedo-Cotobade.
Estas actuacións están a ser desenvolvidas pola brigada municipal de Obras.
Ao respecto, acaba de comezar a realización do tratamento de madeira dos pechamentos das áreas recreativas e zonas de lecer do municipio mediante a aplicación dun produto hidrofugante para evitar que estas infraestruturas se vexan danadas pola adversa climatoloxía do vindeiro inverno.
Así mesmo, tamén se procedeu á colocación dun novo valado entre a parte posterior do pavillón municipal de Cerdedo e o colexio público San Xoán Bautista para evitar o risco de caídas e de posibles accidentes por parte dos usuarios destas instalacións.
As obras están a afrontarse esta semana para que todo estea en perfectas condicións para a chegada do inverno.