Cambios no proxecto obrigan a ampliar as expropiacións para o saneamento de Tenorio
Por Redacción
Quince parcelas máis, na zona próximo ao río, terá que adquirir o Concello de Cerdedo-Cotobade pola vía de expropiación para poder executar a construción do saneamento de Tenorio. Unha serie de cambios no proxecto, entre eles a modificación do punto de vertedura, obriga ao goberno municipal a ter que afrontar este trámite.
O executivo local xa presentou e aprobou en pleno o correspondente expediente, que agora comezará a tramitarse coa maior axilidade para que se poida proceder á licitación da obra, cifrada en 1,8 millóns de euros e financiada pola Consellería de Medio Ambiente.
O Concello contaba coa titularidade das 80 propiedades afectadas inicialmente pola actuación, a maioría delas acadadas a través dunha cesión de colaboración veciñal, pero a Xunta optou por mellorar e ampliar o proxecto desta rede de sumidoiros modificando o punto de vertedura e as zonas de evacuación e solicitou ao Concello que se fixera cos terreos necesarios
Non se desbota que haxa cesións, pero o goberno municipal destaca que deste xeito garántese que a obra se acometerá en prazo aínda que se enquiste algunha negociación cos particulares.
Cando se remate coa habitual burocracia deste procedemento, o Concello traspasará a titularidade dos novos predios afectados a Augas de Galicia e permitirá que se licite a execución desta complexa obra, posiblemente xa no vindeiro ano.
Este proxecto de saneamento é dos de maior dificultade e amplitude do rural galego, xa que beneficiará a preto de 1.200 veciños dunha parroquia de grandes dimensións.
O presidente municipal, Jorge Cubela, agarda que, definida a ampliación dos terreos afectados, a tramitación burocrática "sexa o máis áxil posible" para que a obra, "das máis ambiciosas desta lexislatura", comece canto antes.
Relacionadas:
-
A Xunta licita o saneamento de Tenorio por 1,8 millóns
Por Redacción |
-
Adxudican a rede de sumidoiros que beneficiará a 160 veciños de Viascón
Por Redacción |
-
A Xunta compromete máis de 5,5 millóns de investimento para sete actuacións en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Medio Ambiente adxudica a obra para humanizar os accesos á igrexa de San Pedro de Tenorio
Por Redacción |
-
Cubela amósase convencido da cesión gratuita de todos os terreos afectados polo saneamento de Tenorio
Por Redacción |