A Real Academia Galega premia o colexio Carballal pola súa adaptación dos versos de Carlos Casares a ritmo de reggaeton
Por Oskar Viéitez
O colexio de infantil e primaria do Carballal de Marín foi un dos cinco gañadores dos premios Contádenos o voso Día das Letras, o novo espazo de participación escolar creado pola Real Academia Galega dentro do proxecto web Primavera das Letras.
A iniciativa foi concibida co obxectivo de coñecer e difundir como celebraron o Día das Letras Galegas os centros encargados da educación do alumnado de menor idade.
O Carballal participou no concurso co "Casares-tón", un vídeo no que se lle pon música de reggaeton e baile ao poema "Amemos" de Carlos Casares. A peza, instrumentada polo mestre de música e con coreografía da mestra de Educación Física, involucrou boa parte do alumnado e todo o persoal do centro educativo.
Nesta primeira edición participaron preto de 80 colexios de toda Galicia con proxectos que son boa proba da implicación e do bo facer do profesorado, axente esencial, xunto ás familias, na transmisión ás novas xeracións da lingua e da cultura galega.
Todos eles recibirán un diploma por participaren nesta iniciativa, mentres que os cinco centros gañadores serán tamén agasallados cun lote de libros. A entrega celebrarase o vindeiro 24 de outubro na sede da Real Academia Galega.