Unha discusión de tráfico entre un coche e un ciclista xera un gran balbordo na Oliva
Por Redacción
Un incidente de tráfico causou un gran balbordo na tarde deste xoves entre as rúas Oliva e García Camba de Pontevedra. Todo comezou cunha discusión entre o conductor dun coche e un ciclista na rúa Andrés Muruais pasadas as 18.30 horas e continuou ao chegar á esquina de Correos, onde se xerou un caos de circulación de coches e peóns.
Fontes da Policía Local de Pontevedra indicaron que na rúa Andrés Muruais produciuse unha discusión entre un ciclista e un condutor porque presuntamente o coche non respectou a prioridade da bicicleta nun paso de peóns. Nos pasos de peóns, de todos os xeitos, non existe prioridade ciclista.
Tras ese primeiro enfrontamento, bicicleta e turismo volveron atoparse na esquina entre as rúas Oliva e García Camba. Nese punto, varias testemuñas presenciais indicaron que o mozo que circulaba en bicicleta fixo un movemento brusco, derrapou e caeu. Cando estaba no chan, chegou o coche. Estas mesmas testemuñas indicaron que o coche se detivo xusto antes da bicicleta e, nese momento, o ciclista levantouse e dirixiuse cara ao condutor para recriminarlle o que ocorrera.
O ciclista, segundo relataron os peóns e a Policía Local, golpeou os portelos do coche e instaba á parella que circulaba dentro a que saísen ao exterior. Os dous ocupantes quedaron dentro e non baixaron o portelo, pero si pediron axuda. Mentres as testemuñas chamaban á Policía, o ciclista botáballes en cara unha presunta imprudencia.
Unha vez no lugar, os policías entrevistáronse coas testemuñas e os protagonistas e, pouco despois, o ciclista ausentouse do lugar. Segundo a Policía Local, non chegaron a producirse denuncias nin identificacións.
A circulación de vehículos estivo interrompida durante ao redor de 20 minutos na zona, pois o ciclista negábase a mover a súa bicicleta do lugar. Tras a chegada dos policías, apartouna e o coche implicado puido estacionar sobre ao beirarrúa e deixar que pasasen o resto de automóbiles.