Quirónsalud Miguel Domínguez imparte talleres de reanimación cardiopulmonar para empresarios
Por Redacción
O equipo do Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez, coordinado pola Unidade de Coidados Intensivos (UCI), impartirá dous talleres de reanimación cardiopulmonar (RCP) dirixidos a empresarios do comercio e a hostalería de Pontevedra.
Segundo as estatísticas, o 75% das paradas cardiorrespiratorias prodúcense fóra dos hospitais e unha cuarta parte teñen lugar en espazos públicos.
Esta iniciativa enmárcase no Día Europeo da concienciación da parada cardiorrespiratoria, que se celebrará o próximo 16 de outubro baixo o lema "Unha Sociedade que salva vidas".
Os talleres serán impartidos por instrutores do Plan Nacional de RCP da Sociedade Española de Medicina Intensiva, Crítica e Unidades Coronarias (SEMICYUC) que explicarán o proceso de reanimación cardiopulmonar en catro sinxelos pasos. Para iso, contarán con medios técnicos como dummies e desfibriladores.
Para facilitar a participación organizáronse dúas sesións en horarios diferentes. O luns 16 de outubro a sesión celebrarase de 13:30 a 14:30 horas, no salón de actos do hospital (entrada pola C/ Castelao). O martes 17, o taller realizarase desde as 09:00 horas ata as 10:00 horas, na mesma localización. O taller é gratuíto e o aforamento limitado. Por iso, os interesados deben inscribirse a través do email: comunicacion.mdo@quironsalud.es ou chamando ao número de teléfono 986 807 488.
Os profesionais da UCI de hospital Quirónsalud Miguel Domínguez destacan a importancia da reanimación da parada cardíaca que, se se realiza no primeiros catro minutos, incrementa as posibilidades de supervivencia nun 50%.
A morte súbita é a terceira causa de morte nos países industrializados. En Galicia rexístranse 800 mortes súbitas ao ano, o 5,3% dos 15.000 casos que se dan en España.