Os veciños de Lepanto dan un voto de confianza ao Concello, que terá un anteproxecto antes do 21 de marzo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Os veciños da rúa Lepanto enterraron a machada de guerra en relación co conflito e o malestar que tiñan desde hai meses co Concello de Ponteveda. Este mércores celebrouse no Concello de Pontevedra unha reunión que esperaban desde o pasado mes de maio.
Ao seu remate, confirmaron que dan un voto de confianza ao concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, que se comprometeu a que durante o inverno elaborarán un anteproxecto para a reforma da rúa e presentaranllo antes do 21 de marzo de 2018.
En nome dos veciños, Manuel Ribeiro explicou que a reunión foi cordial e existe un compromiso de presentar o anteproxecto e tamén de que, "se todo vai en orde", despois do próximo verán poderán iniciarse as obras para a mellora tan demandada nunha rúa que leva 20 anos sen obras.
"Imos dar o voto de confianza de que si, de que así van sucerder os prazos", indicou Ribeiro, que acudiu xunto a outros tres veciños porque "como aquí non podemos vir os 200 veciños, vimos tres".
Ao termo da reunión, Demetrio Gómez explicou que serviu para que os veciños explicasen as súas demandas e propostas para a reforma da rúa Lepanto e que moitas delas "coinciden co modelo de Pontevedra" e, por tanto, están de acordo.
Sobre a mesa púxose que a rúa forma parte dun sistema maior de rúas na cidade, de modo que, antes de tomar decisións importantes, haberá que ter en conta o conxunto. Ademais, asegurou que, tal e como se fai con outros veciños de Pontevedra, terános ao tanto das novidades importantes que poidan xurdir no proceso para elaborar o anteproxecto e, se é necesario, farase unha nova reunión.
En relación cos prazos, indicou que o anteproxecto se elaborará durante o inverno e "se todo vai ben e a toda velocidade, estaremos traballando en setembro, outubro, novembro...". En todo caso, a reforma final de Lepanto estará unida e condicionada, necesariamente, á decisión que se adopte para mellorar o tráfico peonil no tramo de Benito Corbal máis próximo a Lepanto. Tamén ás obras de mellora do antigo edificio da Xunta en Benito Corbal.
Relacionadas:
-
Veciños de Lepanto reparan a rúa e decláranse "república independente" ante o abandono do Concello
Por Anxo Lourido |
-
Unha pequena praza no cruzamento con Benito Corbal completará a reforma de Lepanto
Por Alejandro Espiño |
-
Lepanto terá plataforma única e tráfico limitado a residentes e servizos
Por Alejandro Espiño |
-
Benito Corbal terá beirarrúas máis anchas e menos aparcamentos libres
Por Alejandro Espiño |
-
Moreira reúnese cos veciños de Lepanto e reclama orzamento para a reforma integral da rúa en 2018
Por Redacción |
-
O Concello, disposto a incluír Lepanto nun próximo ciclo de obras
Por Alejandro Espiño |
-
Os veciños de Lepanto, dispostos a iniciar actos de protesta tras 20 anos sen reformas na rúa
Por Oskar Viéitez & Anxo Lourido |
-
Vecinos de Lepanto denuncian o "abandono" e o "menosprezo" do Concello coa súa rúa
Por Redacción |