A universidade non ten idade: 66 alumnos de máis de 55 anos estudan no campus
Por Redacción
O programa educativo impulsado pola Universidade de Vigo para persoas maiores de 55 anos conta este curso con 66 alumnos no campus pontevedrés. Todos foron convidados -non todos acudiron- este mércores a un acto de benvida na Casa das Campás.
A coordinadora do programa no campus, Ana Acuña, deulles a benvida indicando que "temos un ano por diante para superarnos, para coñecernos e para que poidades ver que estades diante dunha aventura única que é a de aprender" e o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, lembrou aos novos alumnos sénior que "a todos os efectos formades xa parte da pequena gran familia do campus".
O responsable de Extensión Cultural, Manuel Morquecho; a docente do Centro de Linguas Ángeles Tomé; e o presidente da asociación de alumnado sénior Asaexs, José María Fernández, tamén participaron no acto e puxeron en valor as iniciativas impulsadas nos últimos anos polo alumnado sénior, como as desenvolvidas por Asaexs, representada recentemente nas Xornadas Internacionais sobre asociacións nos programas universitarios de maiores, celebradas en Oviedo; ou como Gaudeamus, a revista oficial sénior do campus de Pontevedra.
En total, hai 54 persoas matriculadas en Pontevedra no ciclo intensivo do programa, aquel que conta con clases propias para o alumnado sénior, que pode escoller no campus entre un total de 26 materias. A este ciclo súmase o integrado, con 22 matriculados e aquel no que os sénior comparten clases co alumnado do campus en 22 materias dos diferentes graos que se imparten no campus.
Entre os motivos que animan ao alumnado sénior destacan manterse activos, ampliar coñecementos en determinados ámbitos ou compartir traballos e inquedanzas co alumnado máis novo do campus.