A Toxa, capital do turismo cosmopolita con 160 touroperadores de todo o mundo
Por Redacción
A Illa da Toxa, no Grove, será entre este mércores e o domingo 8 de outubro sede de España Reloaded, un encontro profesional internacional que reunirá a máis de 160 touroperadores de todo o mundo para debater sobre o turismo cosmopolita, un mercado con grandes posibilidades de crecemento.
O encontro ten o obxectivo de analizar como é e que busca este turismo cosmopolita e, ao mesmo tempo, como atraer a Galicia este tipo de turista, no que se teñen postas todas as miradas como un dos grandes aliados para desestacionalizar e especializar a oferta.
A directora xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, explicou que este turista cosmopolita é un visitante "ao que lle gusta mercar, integrarse na cultura local, coñecer a historia e patrimonio e gozar do destino sen présas".
A xornada está organizada por Turismo de Galicia en colaboración con Turespaña e incluirá o vindeiro xoves 5 un workshop que permitirá ao sector galego manter reunións con operadores e profesionais do ámbito internacional neste campo.
Conferencias e mesas redondas completarán a programación e darán a oportunidade de debater sobre sustentabilidade e marketing, as políticas de segmentación da demanda nos mercados maduros europeos ou a necesidade dunha mellora da sustentabilidade económica e social para impulsar a clientela cosmopolita, entre outros asuntos.
As xornadas contarán coa participación do director xeral de Turespaña, Manuel Butler; o Key Account Director de GfK Consumer Experiences, Roland Gassner; a directora da Oficina Española de Turismo en Milán, María Teresa de la Torre Campo; o director da Oficina Española de Turismo en Londres, Javier Piñanes Leal; o presidente da Asociación de Touroperadores Independientes Británicos, Derek Moore; ou o director de producto de Boscolo Viaggi, Domenico Cocozza.