Advirten de que a prolongación do peche de camas redunda na calidade asistencial
Por Oskar Viéitez
O sindicato Prosagal celebrou este martes dúas concentracións ante os hospitais Provincial e Montecelo ante a prolongación máis aló do prazo previsto do peche de camas na área sanitaria de Pontevedra.
A portavoz de Prosagal, Carolina Iñarrea, esixiu a apertura ao completo das unidades afectadas, Pneumoloxía e Medicina Interna ao entender que "este peche non se pode xustificar", xa que "hai máis de 50 enfermos periféricos en todo o hospital que encherían esas camas pechadas, e mesmo quedarían curtas", asegurou.
Estes traballadores sanitarios lamentan a "tomadura de pelo" pola "falta de compromiso da xerencia" en canto ao día en que se reabrirán as unidades pechadas e a falta dunha comunicación oficial de cando pensan que volverá todo á actividade normal.
Entre outras consecuencias Iñarrea advertiu de que o peche de camas supón un "colapso" no servizo de Urxencias, no incremento dos tempos de espera para os ingresos, a mestura de pacientes con distintas patoloxías e a "sobrecarga de traballo" nas plantas que permanecen abertas. Ademais, alertaba de que a situación redunda na calidade asistencial para os pacientes.
A portavoz de Prosagal puxo como exemplo a situación vivida este venres "con seis pacientes que pasaron a noite nunha padiola en Urxencias habendo camas dispoñibles". E apuntou que "están a derivar á privada aos pacientes cirúrxicos" mentres que nas plantas que lles correspondían na sanidade pública "están a ingresar ás patoloxías crónicas, que son as que non quere a privada".
Ademais Prosagal explicou que na pasada madrugada "abriu a unidade de pneumoloxía ao completo porque a saturación de urxencias era moi grande e non había outra", unha apertura que se produciu con persoal eventual contratado e "coa previsión de que volva pechar este mércores".
Este sindicato expresou o seu "enfado e indignación" por esta decisión xa que "non se entenden que se pechen servizos sanitarios básicos" e "porque hoxe son esas unidades e mañá será calquera outra".
Relacionadas:
-
Aberta toda a área de Medicina Interna III do Hospital Provincial
Por Redacción |
-
A xerencia da área sanitaria comunica a Prosagal que reabrirá as camas hospitalarias pechadas no verán
Por Redacción |
-
Prosagal concéntrase ante Urxencias en Montecelo contra o peche de camas
Por Redacción |
-
Sanidade nega o peche de camas en Montecelo: "Hai certa holgura para ingresar"
Por Redacción |
-
Prosagal pide o apoio dos partidos políticos ante a saturación dos centros hospitalarios
Por Redacción |
-
Prosagal convoca concentracións nos hospitais de Pontevedra para reclamar a reapertura de camas
Por Redacción |
-
Prosagal denuncia saturación en Urxencias e Reanimación debido á falta de camas
Por Redacción |
-
Denuncian que máis de 40 pacientes están á espera de cama en Montecelo
Por Redacción |