Os veciños do Pelete celebran "os 100 de Guillermo"
Por Redacción
Familiares e veciños de Guillermo Cabadas Cabano celebraron o seu 100 aniversario nunha comida de confraternidade celebrada na Casa do Pobo do Pelete ao que asistiu o alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez.
No transcurso dun emotivo acto o rexedor da Lama referiuse con agarimo a Guillermo Cabadas Cabano de quen dixo que era un home que conseguira gañarse, ao longo da súa vida, o afecto dos seus veciños polo seu carácter humano, a súa afabilidade e o seu talante conciliador.
Jorge Canda fixo entrega a este centenario da Lama dunha placa conmemorativa dos seus aniversarios e un lenzo coa fotografía da homenaxe que lle dedicaron en 2014 ao ser nomeado primeiro confrade de honra da Festa do Viño do Pelete.
Canda chanceou co homenaxeado e desexou que a totalidade dos veciños de avanzada idade do municipio cheguen a franquear a fronteira centenaria como o facía nese momento Guillermo Cabadas e engadiu "e espero asistir a todos eses cumpreanos polo menos ata que chegue eu tamén aos 100 anos".
O acto concluíu coa lectura, moi emotiva, dun escrito realizado en nome de toda a familia por unha neta de Guillermo Cabadas onde destacaba o seu carácter amable que sempre soubo transmitir o agarimo dun avó aos seus netos aínda que estivesen lonxe, na emigración. A interveniente definiu a Guillermo Cabadas como "un avó de conto, un avó marabilloso".