A Oficina de Atención á Vítima dos xulgados da Parda reforzarase cun psicólogo
Por Redacción
A Oficina de Atención á Vítima e ao Cidadán que funciona no edificio xudicial da Parda reforzará o seu servizo ao incorporar persoal especializado. En concreto, contará cun psicólogo como resultado dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes; o presidente da Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza, José María G. Díaz-Castroverde; e a decana do Colexio de Psicólogos, Rosa Álvarez, presentaron a iniciativa, que se porá en marcha nos xulgados das sete grandes cidades galegas.
Este psicólogo sumarase aos dous funcionarios xa asignados á oficina e responde ao obxectivo das administracións implicadas de poñer en valor a importancia da atención ás vítimas, en especial aos menores de idade e ás vítimas especialmente vulnerables, durante o proceso xudicial.
Con motivo desta nova colaboración, a Xunta recorda que ten en marcha dende o ano 2004 un programa de atención psicolóxica a mulleres que sufran violencia de xénero e para os fillos menores do que desde o ano 2009 se beneficiaron na comunidade un total de 3.600 persoas.