Os roubos en vivendas descenderon en Pontevedra un 11% no que vai de ano
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Os roubos en vivendas, un dos delitos que máis dano causan ao cidadán e que xera maior alarma social, manteñen unha tendencia á baixa en Pontevedra. Durante o ano 2016 reducíronse un 16% e nos nove primeiros meses deste ano 2017 baixaron xa once puntos porcentuais.
Os datos deunos a coñecer este luns o comisario xefe da Policía Nacional de Pontevedra, Manuel Bouzas, no transcurso dos actos do Día dos Anxos Custodios, patrón do corpo policial, no que indicou que en 2016 produciuse un descenso do 3,5 por cento no número de delitos e no que vai de 2017 xa se rexistrou un descenso dun punto.
"É digno de reflectir o nivel de seguridade alcanzado nas cidades", sinalou e agradeceu publicamente a colaboración doutros corpos policiais e de xuíces e fiscais, pois axudaron a lograr éxitos como a detención e ingreso en prisión dun grupo organizado que entre finais de 2016 e principios de 2017 causaron unha gran alarma social coa proliferación de roubos en establecementos comerciais e hostaleiros. Sacalos da rúa fixo "descender case un 100% os roubos en establecementos".
Tanto o comisario como a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, destacaron que "temos unha provincia segura" e "uns índices francamente bos", aínda que aínda quedan retos pendienets, entre eles, a loita contra a violencia de xénero.
Manuel Bouzas destacou unha "loita implacable e decidida" policial que axude a "erradicar a secuela social que supón a violencia contra as mulleres e outros colectivos vulnerables" e revelou que tentará potenciar a curto prazo a Unidade de Familia e Muller (UFAM) posta en marcha na Comisaría.
O acto estivo inevitablemente marcado pola actualidade en Cataluña. O comisario lembrou ao centenar de axentes da provincia -todos eles da Comisaría de Vigo- desprazados en Cataluña con motivo do dispostivo especial de seguridade posto en marcha polo Ministerio do Interior con motivo da convocatoria do refereréndum deste domingo 1 de outubro. Bouzas indicou que a súa presenza alí viviuse estes días "con certa inquietude" porque son axentes que traballan ao seu lado todos os días e "queiras ou non queiras, pensas nas familias".
NINGUNHA MULLER CONDECORADA
O acto serviu para condecorar a 24 policías e cidadáns que durante o último ano destacaron polas súas actuacións relacionadas coa mellora da seguridade. Entre eles, non había ningunha muller, unha imaxe que chama a atención tendo en conta que a porcentaxe de mulleres policías segue sendo inferior ao de homes, pero vai en aumento e en anos anteriores si foron distinguidas.
A ausencia de mulleres tamén foi notable na mesa de autoridades, na que tan só estaba a subdelegada do Goberno, e na primeira fila de asistentes ao acto, cunha soa representante feminina, a nova responsable da brigada de Policía Científica. Unha muller si foi a responsable de portar as medallas que as autoridades impuxeron aos condecorados.
LORES, O GRAN AUSENTE
Autoridades civís e militares acompañaron á Policía Nacional no seu día, pero este ano houbo unha ausencia destacada, a do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que si confirmou que acudiría, pero no último momento volveu chamar anunciando que non o faría para poder asistir a unha reunión das cidades de Pontevedra e Vigo coa Federación Española de Balonmán.
O alcalde reiterou que a súa ausencia foi unicamente por motivos de axenda e negou, a preguntas dos xornalistas, que non acudise ao acto para mostrar a súa desconformidade como forma de protesta ante a actuación policial deste domingo en Cataluña. Lores si opina que "diante dun pobo que quería exercer o seu dereito a votar e opinar, se utilizou de forma esaxerada e improcedente a violencia", actitude da que responsabilizou ao Goberno de Mariano Rajoy, pero reitera que iso non influíu na súa decisión.
A ausencia de Lores causou malestar entre unha parte dos asistentes, entre eles, a concelleira de Cidadáns, María Rey, que opina que "un alcalde representa a todas e todos os veciños e non só aos que o votan". Tampouco acudiu a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, pero no seu lugar asistiu o deputado Santos Héctor.
A Policía Nacional distinguiu coa Cruz ao Mérito Policial con distintivo vermello ao inspector José María López Abreu, o comandante da Garda Civil Óscar Grañas, o intendente da Policía Local Juan Manuel González Abal e o subdirector do cárcere da Lama Xoán Carlos Gil Ramos. Ademais, foron condecorados dous cidadáns, Manuel Antonio Fernández e Cristian José Sotelo; o policía xubilado Aurelio González Camiño; e o antigo xefe dos Bombeiros de Ponteveda, Manuel Torrres.
Recibiron a Cruz ao Mérito Policial con distintivo branco os policías José Manuel Mera, Emilio Martínez, Óscar Graña, David Valverde, Mariano Albeto Vilas, Antonio Prieto, Alfonso Fernández Ferrer, Luís Obelleiro, Manuel Castro, Manuel Vázquez, Sergio Nolito Gutiérez (da unidade adscrita), Jorge Seijo, Manuel González, David Arias e Jesús Sarmiento.