Rehabilitan dúas históricas fontes en Trabazo
Por Redacción
Dúas fontes históricas situadas en Trabazo (Carballedo), a das Barreiras e a da Canle, veñen de ser rehabilitadas tras executarse un complexo proxecto impulsado polo Concello de Cerdedo-Cotobade.
Esta actuación foi solicitada polos veciños desta aldea ao presidente municipal, Jorge Cubela, que valorou moi positivamente o resultado dos traballos.
Nestas dúas fontes, emprazadas no mesmo lugar e con características diferentes, procedeuse ao empedrado integral, o rexuntado e o chorreo da pedra existente, á recuperación da soleira e a construción de novos sistemas de evacuación de augas e as correspondentes rexiñas protectoras para garantir un bo funcionamento e evitar incidentes entre os peóns e usuarios.
Ao respecto, o rexedor quixo valorar a importancia desta obra "para seguir impulsando a preservación do noso patrimonio, que é un dos nosos grandes valores, mellorar a imaxe da contorna dunha zona tan importante como Trabazo e atender as solicitudes veciñais, que é algo que sempre facemos coa maior axilidade que podemos".