Amizade organiza unha xornada de pesca e paseo en barco sen barreiras
Por Redacción
A asociación de persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra Amizade organizará este sábado 30 de setembro unha xornada de pesca e un paseo pola Ría de Pontevedra cun obxectivo múltiple.
Por unha banda, buscan que a actividade contribúa a que algunhas persoas atopen unha nova afición, unha nova maneira de ocupar o seu tempo de lecer, pero tamén queren facer ver á sociedade que as persoas con discapacidade son quen de realizar moitas cousas se contan coas condicións axeitadas de ausencia de barreiras ou material adaptado.
A xornada servirá tamén para facilitar las relacións entre persoas e intercambiar experiencias, de modo que desde Amizade convidan a todas as persoas afeccionadas á pesca a que se sumen e compartan o seu tempo libre con persoas coas que intercambiar opinións e experiencias.
Para o paseo polo río, Amizade contará coa colaboración do Club Minauta, que facilitará a embarcación, unha zodiac de pequeno tamaño cuxo deseño permite que se poidan incorporar de xeito relativamente sinxelo persoas en cadeira de rodas. Partirá do peirao das Corbaceiras e irá río arriba ata a estación de bombeo.
Amizade denuncia novamente o actual estado dos peiraos e das embarcacións, pois seguen a construírse sen as axeitadas condicións de accesibilidade e permítese que embarcacións que non poden transportar persoas con mobilidade reducida realicen servizos de transporte baixo concesións públicas. Esta escasa accesibilidade motiva que un paseo como o deste sábado sea algo extraordinario para as persoas con mobilidade reducida, en especial, as usuarias de cadeira de rodas.
Ao mesmo tempo que se realiza este paseo pola ría, no peirao de Corbaceiras, á beira da sede do Gremio de Mareantes, varias persoas poderán desfrutar da xornada de pesca. Posteriormente, haberá un xantar no restaurante do Pazo da Cultura.
Amizade recorda que as persoas con discapacidade poden facer as mesmas cousas que as persoas sen discapacidade, se contan cunhas medidas de accesibilidade e de apoio axeitadas. Cando isto non acontece, o que se está a facer é discriminar, impedir que exista unha verdadeira igualdade de oportunidades. Insisten en que as administracións públicas teñen a obriga legal e moral de garantir a igualdade de dereitos de todas as persoas e as medidas que se toman neste sentido son escasas, lentas e, ás veces, mesmo ambiguas.