Aprobado o proxecto de construción dun centro xeriátrico para A Lama
Por Redacción
A corporación municipal da Lama aprobou por unanimidade de todos os grupos políticos o proxecto de centro de día con área residencial para A Lama presentado polo alcalde Jorge Canda e que espera contar cunha subvención da Deputación de Pontevedra para poder materializarse.
O centro proposto por Jorge Canda contará cun orzamento duns 500.000 euros, dos cales o Concello deberá asumir o 20% do total, e terá unha capacidade inicial máxima para atender a demanda duns 20 usuarios.
Prevese tamén que este establecemento xeriátrico teña unha posterior xestión privada ante a imposibilidade material do Concello de poder prestar este servizo público.
Todos os representantes políticos da oposición valoraron como moi positiva esta iniciativa conscientes da realidade social da Lama cunha poboación moi envellecida na que o 40% supera xa os 65 anos de idade.
Enrique Vaqueiro, portavoz socialista, manifestou con todo que lle parecían poucas as prazas reservadas ao que o alcalde manifestou que debido á limitación orzamentaria determinada pola Deputación para este tipo de proxectos singulares o investimento non permitía un maior aforamento aínda que tamén manifestou que segundo a súa previsión estas prazas serán suficientes para atender a posible demanda inicial.