Vilagarcía maniféstase para rexeitar a supresión da área sanitaria do Salnés
Por Redacción
Este venres 29 de setembro unha manifestación sairá ás 20.30 horas da Casa do Mar de Vilagarcía de Arousa en defensa da área sanitaria do Salnés. Trátase dunha das múltiples protestas convocadas por toda Galicia contra a reforma da lei de saúde de Galicia.
A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras anunciou que secundará a manifestación para amosar a súa oposición a este proxecto, que suprimirá varias áreas sanitarias e mesmo abre de par en par as portas da privatización.
O secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, advirte que, con menos medios nos hospitais comarcais, "a alternativa será desprazarse a Lugo, Ourense ou Pontevedra, incluso acudir a centros privados".
A conversión destas áreas en distritos "supón unha penalización", alertan os sindicatos, que prognostican que esta decisión obrigará os doentes a se desprazaren a outros hospitais, ao tempo que aumentarán a "precariedade e marxinación" dos centros de saúde dos futuros distritos.
En relación co aspecto laboral, CCOO censura que o anteproxecto non clarexe as repercusións para o persoal en materias como ofertas públicas de emprego (OPE), mobilidade voluntaria e forzosa ou novas contratacións, entre outras.