Apoio policial desde Pontevedra aos axentes das forzas de seguridade en Cataluña
Por Redacción
Un grupo de representantes dos sindicatos policiais concentráronse este xoves 28, a falta de catro días para o referendo catalán, ante a Comisaría Nacional da Policía en Pontevedra para mostrar o seu apoio aos compañeiros das forzas de seguridade do Estado que exercen o seu traballo en Cataluña e aos axentes de Galicia e do resto de España que foron trasladados para reforzar a seguridade con motivo da consulta prevista para o 1 de outubro e que foi suspendida polo Tribunal Constitucional.
Víctor Vasco, secretario xeral do SUP en Vigo, afirmaba que os compañeiros en Cataluña están a sufrir a presión mediática e dun sector minoritario da cidadanía. E engadiu que precisan apoio e por ese motivo convocaron esta concentración en Pontevedra, que este venres vai repetirse ao mediodía noutros puntos do Estado. Denuncian a fustrigación que padecen os axentes e aseguran que "non é fácil estar alí".
A concentración contou co apoio dalgúns cidadáns que se sumaron á cita.
O representante sindical indicou que de Galicia trasladáronse ao redor de 250 efectivos ata terras catalás e máis de 100 son policías da provincia de Pontevedra. Vasco apuntou tamén que está previsto que o dispositivo dure máis de 15 días.
Os representantes dos sindicatos policiais SUP, CEP, UFP e SPP esperan que o domingo a xornada desenvólvase con normalidade e non se rexistren problemas que afecten os axentes nin aos cidadáns en xeral. "Queremos que a paz e a convivencia social estea presente e que non haxa imaxes fóra de lugar", indicou Víctor Vasco.
Por outra banda, os cinco minutos de concentración tamén tiñan como obxecto reivindicar a equiparación salarial entre os corpos policiais. Os sindicatos denuncian que un policía nacional ou un garda civil cobran 600 euros menos que os mossos d'Esquadra no rango inferior, unha cifra que se incrementa en cargos de maior responsabilidade.
Sinalan que o ministerio de Interior e todos os partidos políticos deben apoiar o incremento económico que demandan. Á mesma hora, outro grupo de axentes da Policía Nacional concentrábase por este motivo ante a Subdelegación do Goberno.
Relacionadas:
-
"Xa é hora de que a Policía Nacional e a Garda Civil deixemos de ser a policía low cost"
Por Natalia Puga |
-
O SUP pide que o alcalde de Pontevedra sexa declarado persoa 'non grata' para a Policía Nacional
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Policías piden en Pontevedra medidas urxentes para frear o "acoso" e "persecución" que sofren en Cataluña
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Rueda asegura que Galicia vai estar atenta ao desenlace da situación en Cataluña
Por Oskar Viéitez |
-
Arredor de 200 persoas amosan o apoio ao pobo catalán nunha concentración de protesta
Por Anxo Lourido |
-
Convocan unha concentración de apoio ao pobo catalán na Subdelegación do Goberno
Por Redacción |
-
O referendo de Cataluña tamén divide aos pontevedreses
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra tamén achega gardas civís para o dispositivo do referendo en Cataluña
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Dúas concentracións sacan á rúa as posturas enfrontadas dos pontevedreses sobre o 'procés' catalán
Por Mónica Patxot |