Rescatan unha cadela moribunda abandonaba nos baixos dun edificio
Por Redacción
A Garda Civil rescatou días atrás unha cadela que se atopaba abandonada nunhas deplorables condicións hixiénicas e sanitarias. Estaba nos baixos dun edificio de Cambados moribunda e sen comida nin bebida e, cando a localizaron, nin sequera era capaz de manterse en pé.
A raíz do rescate, o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) de Vilagarcía de Arousa abriu unha investigación para identificar o responsable ou responsables da situación na que se atopou a cadela e depurar, no seu caso, presuntas responsabilidades penais e/ou administrativas.
Segundo informou a Garda Civil, unha patrulla do Seprona de Vilagarcía localizou á cadela nunha situación que describen como "de extrema gravidade". Cando os axentes entraron no baixo do edificio atopáronse coa cadela que estaba tombada no chan sen poder moverse.
Os axentes puxéronse en contacto coa clínica veterinaria do refuxio de Cambados para informalos da situación e pedirlles o seu apoio. A cadela foi trasladada no vehículo oficial ata a clínica e, segun relata a Garda Civil, os responsables do centro se sorprenderon polo mal estado que presentaba.
Segundo indicaron, xa se esperaban que a cadela estivese en mal estado, pero, no momento en que entrou pola porta levaron unha desagradable impresión e mesmo pensaron que estaba morta. Nin sequera era capaz de manterse en pé.
A cadela, á que bautizaron como 'Loita', segue recibindo asistencia veterinaria na clínica da protectora unha semana despois. Vaise recuperando lentamente de todas as súas doenzas e feridas.