O PP de Cerdedo-Cotobade celebrará o seu congreso local en novembro
Por Redacción
O Partido Popular de Cerdedo-Cotobade celebrará o seu congreso local o próximo 24 de novembro, segundo anunciou este martes o presidente provincial da agrupación, Alfonso Rueda.
Rueda mantivo unha reunión co coordinador comarcal de Pontevedra, Ángel Moldes, e cos alcaldes, voceiros e concelleiros da comarca e anunciou que Cerdedo-Cotobade será un dos concellos que celebren congreso neste último trimestre do ano
Nos próximos días, a Xunta Local encargarase de convocar o congreso e aprobar o nome das persoas que conformen o Comité Organizador, que serán as encargadas da organización.
Rueda tamén aproveitou a reunión para encargar ao coordinador comarcal que no tempo que queda ata a cita coas urnas, poña a máxima atención ás necesidades de cada un dos concellos, "un traballo de campo que é importante e imprescindible para conseguir candidatos e equipos que sexan quen de ofrecer respostas e cubrir as expectativas que hai depositadas no PP".
O presidente provincial recordou que hai dúas cuestións fundamentais que diferencian ao PP do resto de partidos. A primeira, que a maquinaria do Partido Popular non para nunca, "mantén un compromiso permanente cos veciños fronte aos que reaparecen uns meses antes das eleccións e desaparecen o mesmo día das votacións".
A segunda diferencia é que o PP vai presentar candidatura en todos os concellos da provincia e vai saír a gañar en absolutamente todos eles, "algo que só pode dicir o noso partido, pois todos os demais saen só co obxectivo de intentar que o PP non acade a maioría absoluta".