Elnosa fai investimentos en Lourizán para fabricar hipoclorito sódico a partir do 11 de decembro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O comité de empresa reuníase na tarde deste martes coa dirección de Elnosa para coñecer en que situación se atopan os trámites coas administracións tendo en conta que o 11 de decembro a factoría de Lourizán non poderá fabricar cloro con mercurio tal e como establece a normativa da Unión Europea.
A dirección anunciou que xa está a comprar material para a elaboración do hipoclorito sódico, o produto que se elaborará na fábrica a partir desa data. En concreto adquiriron sistemas de refrixeración necesarios para este proceso.
Si está previsto que haxa unha redución de persoal pero os directivos da empresa indicaron que serán mínimos e que se procederá a negociar prexubilacións. O grupo CUF comunicou ao comité de empresa que para o plan de desmantelamento quere contar co persoal actual e anunciaron que en novembro ofrecerán máis datos sobre os cambios previstos.
O presidente do comité de empresa, Avelino García, afirmaba que polo momento a dirección non lles transmitiu novidades sobre a concesión da autorización ambiental integrada, que aínda se atopa no período de alegacións.
A preocupación, con todo, atópase no silencio por parte da Dirección Xeral de Costas. A concesión para manterse en Lourizán finaliza en xullo de 2018 e, polo momento, a empresa descoñece se haberá unha prórroga. Ante esta situación transmitiron aos traballadores que ata que teñan garantida a súa continuidade non poden facer un investimento en maquinaria para a elaboración de cloro a través do sistema de membrana, como establece a Unión Europea.
REUNIÓN CON CIDADÁNS
Os representantes do comité de empresa reuníanse tamén na tarde deste martes con María Rey e outros representantes de Cidadáns para trasladarlle a esta agrupación política o seu malestar porque no último pleno votaron a favor da moción presentada por Marea Pontevedra na que se reclamaba á Xunta de Galicia o cesamento de actividade de Elnosa nos terreos de dominio marítimo-terrestre de Lourizán.