O goberno local de Poio demanda un viario alternativo á PO-308
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Poio, formado polo BNG e o Partido Socialista, cre "necesaria" a construción dunha vía alternativa á PO-308 que permita reducir o nivel de tráfico na estrada da costa que comunica Pontevedra e Sanxenxo.
A existencia desta alternativa permitiría transformar a PO-308 "nunha travesía urbana que facilite a convivencia dos veciños que viven na súa marxe". Desde o goberno local consideran que esta nova estrada debería minimizar o impacto sobre os núcleos de poboación.
Por iso propoñerán ao pleno da corporación que acorde solicitar á Xunta de Galicia a licitación "con carácter urxente" do proxecto de reforma da PO-308, incorporando as melloras propostas respecto ao tratamento das interseccións e a prolongación das beirarrúas ata Chancelas, entre outras.
Ademais, propoñen ao pleno que inste á Xunta a acometer de maneira integral en todo o termo municipal a mellora da seguridade viaria na PO-308 con especial atención ás interseccións das vías que teñen acceso a esta estrada, dotación de beirarrúas, pasos peonís, rotondas, iluminación adecuada e demais medidas.
Entre outros argumentos, o goberno local de Poio sinala que con motivo do último accidente mortal producido nesta estrada "ponse unha vez máis en evidencia a falta de seguridade viaria desta estrada que soporta unha alta densidade de tráfico que a fai perigosa tanto para os seus usuarios como para os veciños que viven ao seu lado".
Pola súa banda, o grupo municipal do Partido Popular lamentou que o bipartito só fale da PO-308 "cando hai unha desgraza" e non se mostraron partidarios da iniciativa do goberno dun viario alternativo porque sería "un muro que dividiría aos veciños".
Os populares presentarán outra moción na que piden ao goberno que de a coñecer toda a información dispoñible sobre ese "corredor" alternativo proxectado e advirten de que "en caso de non producirse esas reunións, o propio PP convocaría a veciños e colectivos para darlles a pouca información da que se dispón".
Relacionadas:
-
Sanxenxo Independentes convoca unha reunión informativa sobre o proxecto da PO-308
Por Redacción |
-
Saen á luz todos os detalles da reforma da PO-308 desde o mirador da Granxa ata Nanín
Por Oskar Viéitez |
-
Dúas persoas trasladadas nun accidente no que se viron implicados seis coches en Poio
Por Redacción |
-
Falece un septuaxenario ao envorcar un coche e atropelar dous peóns en Poio
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O Bloque demanda no Parlamento a mellora integral da estrada entre Pontevedra e O Grove
Por Oskar Viéitez |