Melloras nos cemiterios de Bueu de cara ao Día de Defuntos
Por Redacción
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o arquitecto técnico municipal visitaron este martes os cemiterios municipais nos que se están executando diversas obras de mellora.
Estes traballos inclúense no Plan Concellos 2017 da Deputación provincial. A previsión do goberno local é que as obras finalicen ao longo do mes de outubro, para que estean listos antes do Día de Defuntos.
A empresa Catorvi Escavacións S.L. encárgase das reparacións. No cemiterio de Bueu, cambiarase a cuberta, reformaranse as instalacións e adaptaranse os aseos para que poidan ser utilizados por persoas con mobilidade reducida. O orzamento supera os 20.000 euros.
No cemiterio de Cela constrúese unha edificación de planta baixa de 13 metros cadrados. Neste espazo instalarase un aseo adaptado e un almacén. A obra ascende a case 10.000 euros.