Alfombras que voan de Bueu a México
Por Redacción
Unha delegación da Asociación Alfombras Bueu viaxará o vindeiro 1 de outubro á localidade mexicana de Uriangato, en Guanajato, para participar no 2º Encontro Internacional de Alfombristas. Trátase dun evento organizado pola Asociación La Octava Noche de Uriangato con motivo da Festa de San Miguel Arcanxo, que se desenvolve o 6 de outubro.
Bueu é o único concello galego que estará representado neste encontro internacional, segundo explicaba Carmen Santos, presidenta da asociación, na rolda de prensa ofrecida no Concello de Bueu coa presenza do alcalde Félix Juncal e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo.
A delegación española que viaxa a México estará composta por dous integrantes da Asociación de Bueu e catro da Federació Catalá d'Entitats Catifaires, ademais de dous cargos da xunta directiva da comisión internacional. Ao evento asistirán representantes de diversos colectivos de Tokio, Bélxica, Italia ou Guatemala. Os representantes españois deseñarán unha alfombra con símbolos da cultura de cada colectivo coa mensaxe de "A cultura únenos".
Carmen Santos sinalou que os próximos e últimos eventos deste ano centraranse na confección dunha alfombra floral e a realización dun obradoiro nun municipio da Coruña, ademais da elaboración da alfombra para o Nadal e dos Reis Magos en Bueu.
En 2018 xa teñen confirmada a súa asistencia ao VI Congreso Internacional de Arte Efémero en Elche de la Sierra, en Albacete.