902.000 euros de orzamento para construír en Cambados unha piscina "do século XXI"
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do deputado David Regades e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, presentou este luns o proxecto de reforma do complexo deportivo do Pombal.
Finalmente o orzamento da actuación ascenderá a 902.000 euros, o que supón un incremento de 300.000 euros con respecto ao proxecto impulsado no seu momento polo anterior goberno provincial.
"Cambados vai ter unha piscina á altura", sinalou a presidenta provincial, que "ademais vai ter un aspecto que realmente se corresponde co século XXI".
O novo proxecto para o complexo do Pombal contempla a substitución da cuberta para mellorar o seu illamento térmico e a actualización dos equipos de climatización. Ademais levarán a cabo actuacións para mellorar a integración do edifico na contorna e no seu interior "unificarase o vaso e a praia da piscina cos espazos lindeiros para mellorar a resposta funcional deste espazo", explicou Carmela Silva.
Por último o proxecto contemplará mellorar a eficiencia enerxética da instalación para adecuala aos tempos actuais e permitir un aforro nos custos de mantemento. "Imos mellorar a eficiencia do sistema de iluminación, o sistema de xeración de auga quente sanitaria e o sistema de quecemento de auga para a piscina", apuntou a presidenta da Deputación.
A intención do goberno provincial pasa agora por sacar o proxecto a licitación "nun prazo moi breve para que a finais de ano podamos adxudicar as obras e comezar a construción".
Relacionadas:
-
A Deputación aproba destinar 455.000 euros para uns novos vestiarios na piscina de Cambados
Por Redacción |
-
Pistoletazo de saída ás novas instalacións deportivas e a piscina de Cambados
Por Redacción |
-
Copsesa fará en 11 meses a piscina de Cambados
Por Redacción |
-
A Deputación aproba o procedemento de contratación da renovación da piscina de Cambados
Por Redacción |
-
Conta atrás para as obras da piscina de Cambados
Por Redacción |