A conselleira do Mar entrega os distintivos pescadoartesanal.com á hostalería
Por Redacción
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, valorou este luns en Poio o esforzo e o traballo en común de pescadores, lonxas, comercializadores e consumidores finais no proxecto pescadoartesanal.com, unha iniciativa posta en marcha ao abeiro do Grupo de Acción Local da Ría de Pontevedra (GALP) e que puxo como exemplo de fusión da tradición e da innovación das novas tecnoloxías.
Destacouno durante o acto de entrega dos distintivos deste proxecto aos hostaleiros que participan nel e que "valorizan, promocionan e ofrecen aos seus clientes un produto pesqueiro e marisqueiro artesanal, o produto da propia ría de Pontevedra", subliñou a titular de Mar.
Tamén asistiron a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; o presidente de GALP Ría de Pontevedra, José Antonio Gómez; e o concelleiro de Promoción económica de Poio, Gregorio Agis.
A conselleira tamén fixo fincapé no "compromiso destes hostaleiros cos consumidores interesados en consumir peixe capturado artesanalmente e de forma sustentable".
A web pescadoartesanal.com é unha plataforma que pretende a comercialización conxunta das capturas procedentes da pesca artesanal da ría de Pontevedra, mediante un sistema de avisos de captura e oportunidades de comercialización de peixe e marisco "do día", denominado "produto local".