Dous quilómetros máis de mellora na vía entre Serrapio e Portela en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra iniciou a contratación dun novo proxecto que mellore a seguridade viaria na estrada EP-7102 entre Serrapio e Portela, no municipio de Cerdedo-Cotobade.
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez sinalaba que este proxecto aumenta a superficie de actuación prevista inicialmente en dous quilómetros. O investimento alcanza os 240.000 euros.
A nova proposta supón a mellora do firme actual; a limpeza e roza das marxes; a instalación de redutores físicos de velocidade; o ensanche de toda a vía ata os sete metros de sección; agás no núcleo de Aldea de Bugaría e o mantemento dos noiros para evitar arrastres de terra en épocas de choiva abundante.
A actuación dividirase en seis tramos. No primeiro pavimentaranse os sete metros de longo para crear dous carrís de tres metros de longo e unha beiravía de 0,50 metros a cada lado. Realizarase un estrechamento na zona da ponte, onde se colocarán dúas redutores físicos de velocidade á entrada e á saída. O tramo quedará limitado a 30 quilómetros por hora.
Nos 300 metros do segundo tramo, que coincide coas vivendas de Aldea de Bugarín colócanse outros dous redutores de velocidade á entrada e á saída, ademais renovarase o firme pero mantendo o actual longo pola existencia de edificacións.
Xa no terceiro tramo alargarase a vía, pasando a 7 metros. No cuarto tramo instalaranse barreiras de seguridade a ambos os dous lados da plataforma debido ao noiro, segundo informa a Deputación de Pontevedra.