Mans á obra: o Concello saca expedientes do caixón para actualizar o seu patrimonio 19 anos despois
Por Natalia Puga
O Concello de Pontevedra non realiza un inventario do patrimonio municipal dende o ano 1994 e nestes 19 anos tan só realizou algunhas actualizacións puntuais dos expedientes, a maioría de hai máis dunha década.
O concelleiro de Patrimonio, Vicente García Legísima, quere poñer fin á situación e nos últimos meses realizou un estudo do estado actual. A súa intención é actualizalo e, ademais, dixitalizalo de cara a facilitar o traballo dos distintos servizos e departamentos municipais. Abordarase "ao longo deste mandato para telos acorde cos tempos de hoxe", xa que agora está en papel e en arquivos individuais de moi difícil consulta.
A idea a medio prazo é convocar un concurso público para contratar os traballos para actualizar o inventario, pero ata agora xa reuniron datos previos e o cómputo facilitado por Legísima indica que o Concello ten 370 bens inmobles, dos que 180 son fontes e lavadoiros.
Ademais, hai contabilizados 374 viais, a práctica totalidade en zona urbana, xa que no rural apenas hai estradas e camiños inventariados, e 95 bens históricos (fundamentalmente, obras de arte).
A valoración dos bens tampouco está actualizada e, segundo recoñece o edil, "a valoración do ben non coincide coa contable", de modo que non hai un rexistro único sobre o valor global do patrimonio municipal.
O Concello si facilitou este xoves o prezo co que se taxaron algúns dos principais bens no ano 1994 (algún en 1998). O valor de mercado de entón está en pesetas e non en euros, pero deixa datos rechamantes como que o cuartel de San Fernando no que está situada a facultade de Belas Artes é o ben mais valioso, de 1.500 millóns de pesetas.
O esado de Pasarón estaba valorado, antes da súa última reforma, en 585 millóns de pesetas, seguido das piscinas de Campolongo, valoradas en 470 millóns. A Casa Constistorial vale 137,5 millóns; o edificio de Churruchaos, 134; o matadoiro municipal, 127; o encoro do Pontillón, 86; e o edificio do antigo Conservatorio da rúa Alfonso XIII, 130 millóns.