O fiscal mantén que a conduta do garda que disparou ao ex batería dos Piratas "está xustificada"
Por Natalia Puga
Os dous días de xuízo contra Rubén Ll.A, o garda civil acusado do homcidio imprudente da ex batería do grupo Los Piratas, Javier Fernández, serviron ao ao fiscal do caso, Ignacio Saiz, para reafirmarse nas consideracións previas que xa fixera a Fiscalía sobre a actuación do axente e referendarse en que "o feito non é delito" e, por tanto, non debía sentar no banco e agora non debe ser condenado.
O fiscal introduciu unha pequena modificación no seu escrito e mantén que o garda debe ser absolto, pero, no caso de que o xuíz Miguel Aramburu considere que si cometeu un delito, que o condene por un delito de homicidio por imprudencia menos grave profesional e lle aplique a circunstancia eximente de lexítima defensa de terceiros, porque entende que lle disparou porque corría a vida do seu compañeiro de patrulla.
Os tres avogados da acusación particular que representan á viúda, o fillo, os pais e os irmáns do falecido, tamén elevaron a definitivas as súas consideracións previas e manteñen que o garda é responsable dun delito de homicidio por imprudencia grave profesional polo que debe ser condenado a catro anos de prisión e seis de inhabilitación. Tamén piden que o Ministerio do Interior abone diversas indemnizacións, entre elas, 90.000 euros á súa viúva e 112.500 ao seu fillo orfo de pai.
O garda civil sostivo ante o xuíz que o 26 de agosto de 2015 acudiu á casa do falecido alertado por un presunto caso de violencia de xénero e, ao chegar, atopouno moi agresivo e agrediu varias veces ao outro axente que ía con el ata que, nun momento dado, percibiu que a vida do seu compañeiro corría perigo e disparoulle para inmobilizalo. O disparo ía á perna, pero alcanzoulle o abdome e matouno.
En base a ese testemuño e ao resto de probas que se expuxeron no xuízo, o fiscal non ten ningunha dúbida de que "non pretendía acabar coa súa vida", senón que "o que trataron de facer os axentes era tentar tranquilizalo" e, cando lle disparou, actuou "amparado polo exercicio dun deber", protexer ao seu compañeiro.
A acusación cuestiona que o axente tivo unha actuación desproporcionada ao responder cunha pistola a un ataque no que Javier Fernández enfrontábase ao outro axente cun coitelo e un garfo, pero o fiscal mantén que a súa actuación "foi proporcional" e "non tiña outro medio parar parar a agresión" que utilizar a súa arma regulamentaria.
"A conduta do axente está xustificada e non require reproche penal", engade o fiscal, que se pregunta que pasaría se ese día os axentes deixan ao falecido sen atención, a súa agora viúva regresa a casa e el agrídea ou a mata. Fai esa afirmación porque o aviso inicial que recibiron os gardas civís foi por un presunto delito de malos tratos cara á esposa, aínda que esa agresión de violencia de xénero finalmente resultou non ser axustada á realidade.
A acusación particular si ve delito na actuación do garda. Coinciden en que non tiña intención de matar a Javier Fernández, pero reprochan a súa imprudencia. "O titular sería: pistola contra garfo", mantén o avogado da viúva, Gerardo Gayoso, que sostén que, no seu modo de proceder, "cúmprense todos os requisitos" dunha conduta imprudente.
Gayoso cuestiona mesmo que os gardas civís e os sanitarios cos que ían entrasen na casa de Javier Fernández, pois considera que, cando chegaron e souberon que non agredira á súa muller, senón que estaba a sufrir un brote psicótico porque tiña trastorno bipolar e estaba a deixar a medicación, tiñan que haberse ido, pois nada xustificaba entrar nun domicilio particular.
O avogado chama a atención sobre o feito de que Javier Fernández "tiña moita vida por diante" e destaca que "foi disco de ouro na época de esplendor da música neste país e segóuselle a vida dun tiro".
Antes das conclusións finais, pasaron pola sala tres dos catro sanitarios que ese día acudiron coa Garda Civil á vivenda de Ponteareas onde ocorreron os feitos. Un deles asegurou presenciar a agresión previa do falecido ao outro garda civil e todos manteñen que o músico estaba "moi alterado" e ameazounos de morte a todos e que, previamente, a súa esposa relatáralles que "non sabía como ía poder volver vivir con el" polo agresivo que o vía. Todos aseguran que actuaron segundo o protocolo para tentar tranquilizalo.
Relacionadas:
-
Absolven o garda civil acusado da morte do ex batería de Los Piratas
Por Natalia Puga |
-
Solicitan que se investigue se un amigo do ex batería de Los Piratas cometeu falso testemuño no xuízo
Por Natalia Puga |
-
A viúva de Javier Fernández envía unha carta aos medios: "Nunca fun unha muller maltratada"
Por Natalia Puga |
-
Dous días de xuízo para tentar aclarar que ocorreu o día que morreu Javier Fernández
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O garda civil acusado da morte do ex batería dos Piratas xustifícase no xuízo: "Non me quedou outra alternativa"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada