Os 1.800 farmacéuticos pontevedreses reivindican as numerosas achegas da súa profesión á saúde
Por Redacción
Os case 1.800 farmacéuticos da provincia de Pontevedra celebran este luns 25 de setembro o seu día mundial, unha conmemoración organizada pola Federación Internacional Farmacéutica (FIP), que este ano quere incidir nas numerosas achegas que a profesión farmacéutica fai á saúde.
O día mundial celébrase este ano co lema 'Da investigación á asistencia sanitaria: o farmacéutico ao seu servizo' co obxectivo de reivindicar o traballo dos farmacéuticos que traballan nas 428 farmacias da provincia, pero tamén dos que dessarrollan o seu labor noutras áreas como a investigación, a industria, a distribución farmacéutica, a farmacia hospitalaria, a saúde pública, a docencia, as análises clínicas, a atención primaria, a dermofarmacia, a alimentación ou a ortopedia.
En concreto, dos case 1.800 farmacéuticos colexiados no Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, 1.232 desenvolven o seu labor profesional na farmacia comunitaria e o resto noutros ámbitos. Desde a FIP destacan a proximidade e accesibilidade do farmacéutico comunitario, e as numerosas achegas dos profesionais farmacéuticos á saúde da poboación noutros ámbitos.
"Pola súa formación académica e o seu desenvolvemento profesional continuo, os farmacéuticos están plenamente capacitados para exercer en diferentes ámbitos", declara a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo, que define ao farmacéutico comunitario como o profesional sanitario máis próximo aos cidadáns e avanza que "estará cada vez máis presente nos equipos multidisciplinares de atención á saúde do paciente crónico e polimedicado".
O perfil do licenciado en farmacia é fundamentalmente feminino, en concreto, son mulleres algo máis do 73%. Ademais, case a metade teñen menos de 45 anos.