Dous detidos e dous investigados por roubar unha caixa forte con 125.000 euros dunha casa de Portas
Por Redacción
A Garda Civil detivo dúas persoas e investiga outras dúas como presuntas responsables dun roubo cometido o pasado mes de marzo no interior dunha vivenda no municipio de Portas no que conseguiron levarse unha caixa forte con 125.000 euros e unha importante cantidade de xoias.
O dono da vivenda presentou unha denuncia e abriuse unha investigación da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra que permitiu constatar que os autores accederan ao interior da vivenda mediante a rotura dun cristal dunha xanela.
Os ladróns realizaron unha exhaustiva e desordenada procura na que ocasionaron importantes danos materiais e lograron levar unha caixa forte na que os donos gardaban 125.000 euros e unha considerable cantidade de xoias familiares.
Os investigadores lograron situar no lugar dos feitos a catro persoas que abandonaron a vivenda a bordo dun vehículo BMW en cuxo maleteiro levaban a caixa forte. Para abrila, utilizaron unha serra radial e, xa baleira, arroxárona á lagoa de Pedras Miudas de Catoira, formada nunha antiga canteira abandonada.
Co apoio do Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas da Garda Civil (GEAS), lograron recuperar a caixa forte a uns oito metros de profundidade e sen nada no seu interior.
Unha vez recuperada a caixa forte, e baixo a coordinación do Xulgado de Instrución número 2 de Caldas de Reis, a Garda Civil detivo o principal responsable do roubo, un veciño de Portas de iniciais A.V.B.
Ocorreu o pasado mes de xullo e o home foi posto a disposición xudicial. Ese mesmo día foi detido o veciño de Caldas I.P.J. como presunto colaborador e, tras prestar declaración no xulgado, foi posto en liberdade coa obrigación de comparecer cando sexa citado. Ambos teñen un amplo historial de antecedentes policiais por delitos contra o patrimonio e non teñen ningunha actividade laboral legal recoñecida.
Dous meses despois, tomóuselle declaración, en calidade de investigados, a outros dous veciños de Portas e Caldas de Reis pola súa presunta relación co mesmo roubo.