Un home afronta máis de 15 anos de prisión por incendiar o piso onde convivía coa súa parella
Por Oskar Viéitez
No banco dos acusados da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra sentará este martes un home acusado dos delitos de quebrantamento de condena, incendio con perigo para a vida e coaccións.
Xulgarase a un home por provocar un incendio no inmoble onde convivía coa súa parella, da que tiña unha orde de afastamento. A fiscal solicita quince anos e dez meses de prisión.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, o procesado, D.G.M., con antecedentes por malos tratos, con coñecemento da existencia e vixencia dunha orde de afastamento e coñecendo as consecuencias do seu incumprimento, entre o dezasete de abril e ata o un maio de 2015, conviviu coa súa parella sentimental, AB.Q.P., nun piso na zona vella de Vigo.
O relato do ministerio fiscal sostén que sobre as 00:45 horas do día 1 de maio de 2015, o acusado, "actuando coa intención de causar un gran dano na propiedade allea e a sabiendas que ocasionaba unha situación de perigo" tanto para os moradores da vivenda como para os seus veciños, pertrechado de roupas, calzado, botes, frascos de cosméticos, candeas, un chisqueiro e un aerosol, arroxou as roupas e demais efectos na bañeira dun dos cuartos de baño e prendeulle lume tratando de impedir a saída do piso da súa compañeira sentimental.
O acusado está diagnosticado dun trastorno límite da personalidade, trastorno por dependencia a cocaína e consumo prexudicial de alcol, opiáceos e cannabis. No momento dos feitos o procesado presentaba "levemente mermadas" as súas capacidades volitivas e cognitivas polo consumo das devanditas substancias.
A Fiscalía pide, polo delito de quebrantamento de condena a pena de prisión de doce meses, polo delito de incendio con grave risco para a vida e integridade física das persoas un total de catorce anos e polo delito de coaccións dez meses.
Ademais interesa que se impoña ao procesado a prohibición de aproximarse a unha distancia non inferior a 500 metros respecto de AB.Q.P., do seu domicilio, lugar de traballo, ou lugares que esta frecuente e de comunicarse coa mesma por calquera medio, e todo iso por un período de dous anos e seis meses.
Finalmente solicítase que o procesado indemnice á compañía aseguradora na cantidade de 9.195,98 euros polos danos ocasionados na vivenda.