Falece un septuaxenario ao envorcar un coche e atropelar dous peóns en Poio
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un home de 71 anos faleceu este venres nun accidente de tráfico rexistrado na estrada PO-308 ao seu paso por Poio. O sinistro consistiu nun atropelo unido a unha saída de vía e o posterior envorco do turismo implicado e nel resultaron feridas nun primeiro momento tres persoas, das que unha acabou falecendo finalmente no hospital.
Todo ocorreu sobre as 17.15 horas á altura do lugar da Granxa, a pouca distancia do miradoiro de Raxó. Os feridos foron dous peóns de avanzada idade atropelados e a condutora do vehículo sinistrado.
Os dous peóns atropelados resultaron feridos graves e tiveron que ser evacuados polos servizos sanitarios do 061 a un centro hospitalario, onde sobre as 22.00 horas faleceu un deles, un veciño de Lleida de 71 anos de iniciais M.A.P.R.
A condutora do vehículo resultou ferida con lesións de carácter máis leve. Os axentes da Garda Civil de Tráfico sometérona ás probas de consumo de alcol e drogas e deu resultado negativo en ambas.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, dous particulares alertaron do ocorrido indicando que as dúas persoas atropeladas estaban nun lugar accesible.
Desde o 112 alertouse a Urxencias Sanitarias, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local, o GES de Sanxenxo, os Bombeiros de Ribadumia e o servizo de mantemento de estradas.