En Marea e o BNG esixen á Xunta que arranxe as deficiencias do centro de saúde de Marín
Por Oskar Viéitez
Os grupos parlamentarios de En Marea e o BNG presentaron este venres sendas iniciativas que levarán ao Parlamento galego para esixir á Xunta que arranxe as deficiencias do centro de saúde de Marín.
A vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada de En Marea, Eva Solla, lamentou que, o que o propio presidente da Xunta definiu coma un "pequeno hospital sen hospitalización", transcorridos seis meses da apertura, quedase nun centro de saúde "malo, con carencias tanto de servizos fundamentais coma de persoal".
Sinalou que este centro non conta coa maior parte dos servizos prometidos como radioloxía ou fisioterapia, que a día de hoxe ten unha lista de espera de ata tres meses para unha simple consulta, a falla dun despacho de farmacia, e un "déficit de equipamento".
A deputada de En Marea tamén dixo que non entenden coma tendo este centro un punto de atención continuada non conte coa base de ambulancias no propio centro, polo que non só van reclamar que se devolva esa ambulancia 24 horas senón que se acabe cos desprazamentos da ambulancia medicalizada e que a sede estea no mesmo centro de saúde, explicou Eva Solla.
Ante esta situación, o grupo parlamentario de En Marea presentará diversas iniciativas que se suman ás xa rexistradas no anterior período de sesións e as dúas mocións presentadas pola Marea Marín no Concello, nas que se insta ao goberno galego a aproveitar a tramitación dos orzamentos do vindeiro ano para incluír partidas que permitan dar solución ás deficiencias do centro.
Pola súa banda, a deputada do BNG, Montse Prado, xa rexistrou esta mesma semana un escrito que será tratado nos vindeiros días na Cámara galega no que amosa o "total rexeitamento" da súa formación "contra os recortes nos servizos públicos que o PP ven executando nos últimos anos" e, neste caso concreto, o recorte de servizos que ao seu xuízo está a sufrir Marín.
Montse Prado sumou á supresión do servizo da ambulancia 24 horas, o anuncio da Xunta da súa decisión de prescindir do prometido servizo de radioloxía no centro de saúde de Marín, alegando a proximidade do centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra.
O BNG tamén recolle as outras carencias coma o servizo de Farmacia, a falta de cobertura nas baixas de longa duración do persoal, a inexistencia dun monitor de desfibrilador no centro de saúde (si no PAC), a carencia de caixas fortes para depositar e gardar os fármacos psicotrópicos e estupefacientes ou a deficiencia asistencial no servizo de matronas causado pola non substitución das baixas laborais.
Montse Prado lembrou que malia a existencia do servizo de Fisioterapia, non hai creada ningunha praza de fisioterapeuta, polo que os traballadores son por contratos de acúmulos de tarefas, habendo na actualidade un fisioterapeuta cando por poboación Marín debe contar con dous.