Poio celebra a chegada do outono e as festas da Merced
Por Oskar Viéitez
Cos últimos coletazos do verán e para dar a benvida a nova estación, a asociación de veciños de Lourido organiza unha festa este venres 22 de setembro no entorno do parque de Costa Giráldez.
Dous piratas un tanto torpes contarán as súas aventuras a todos aqueles nenos que se acheguen a Lourido a partir das 19:30 horas. Spuk e Jack, ofreceran, durante preto dunha hora, unha demostración das súas habilidades cos malabares.
A música encherá o recinto, a partir das 21:00 horas, grazas a actuación de Manoele de Felisa, un dos compoñentes da tradicional agrupación "A Roda", que ofrecerá ao público asistente diferentes estilos musicais para pechar a xornada.
Os departamentos de Cultura do Concello de Poio e da Deputación de Pontevedra colaboran na organización desta festa, aberta ao público xeral e que vai ser totalmente gratuíta.
Con esta festa, comeza unha fin de semana chea de actividades. O Concello de Poio celebra a festividade da súa patroa, a Virxe da Merced, con diferentes propostas das que toda a veciñanza poderá desfrutar, grazas a colaboración da entidade local e a Fraternidade Seglar Mercedaria.
Grandes verbenas, alboradas, oficios relixiosos e actividades para as crianzas compoñen unha programación que ten como prato forte a procesión mariana que parte as 22.00 horas do antigo Sanatorio da Merced e que se ve complementada coas procesións que parten de San Roque (organizada polo AC Ateneo Corredoira -Combarro) e da Praza da Granxa en Campelo (organizada pola AV Campelo).
Para esta festividade, a Policía Local e Protección Civil de Poio organizaron un dispositivo de tráfico e de aparcamento especial que se pode consultar, co resto da información, na web e nas redes sociais municipais.