Sae a concurso a concesión da xestión do centro de día de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
O Concello de Sanxenxo publica este xoves no perfil do contratante, e envía para a súa publicación no Boletín Oficial e no DOGA, o prego de condicións que regula o concurso para a concesión da xestión do centro de día municipal.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Silvia Freire, estivo traballando na redacción dun novo prego de condicións que lle permite agora convocar un concurso para a concesión deste servizo durante 42 meses.
Un dos aspectos que modifica a nova concesión é o horario, que ata o momento era de 10.00 a 19.00 horas e pasará a ser de 9.00 a 19.30 horas, de luns a venres ao longo de todo o ano, coa excepción dos días 24 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro que pechará ás 16.00.
Ademais, o centro de día conta cun servizo de transporte adaptado ás necesidades das persoas dependentes, con condutor e auxiliar de apoio para a recollida, desde as 8.00 e regreso dos usuarios, ata as 20.30.
Tamén se crea unha nova praza de auxiliar xeriátrico e desta forma o persoal do centro queda conformado por 17 persoas: traballador social, director, educador social, terapeuta ocupacional, fisioterapeuta, 6 auxiliares de xeriatría, 2 animadores socioculturais, cociñeiro, unha persoa de limpeza e 2 choferes.
Establécese un prezo máximo por usuario de 518 euros ao mes (ata agora eran 511 euros) e para o transporte de 74,80 euros ao mes (ata agora eran 54 euros). Aínda así, as persoas que acoden ao centro de día teñen unha tarifa individualizada que vai en función da súa renda familiar. Así dos 64 usuarios que agora ten o centro, 42 pagan menos de 187 euros ao mes.
O centro ten cabida para 80 usuarios, polo que se establece un valor estimado do contrato de 1.812.972 euros para os 42 meses da concesión. Outra novidade é que se convida ás empresas interesadas na súa xestión a que inclúan nas súas ofertas actividades no exterior, soportal xardín-exterior do edificio no que está previsto facer importantes melloras.
O servizo do centro de día préstase nas instalacións situadas en Baltar, nun edificio que se proxecta unha actuación importante de mellora do espazo e dos equipamentos para os novos orzamentos, cun investimento de 180.000 euros.
Relacionadas:
-
Comeza a reforma do centro de día de Sanxenxo cunha primeira fase de 82.000 euros
Por Redacción |
-
O BNG critica o "notable atraso" do Concello de Sanxenxo na adxudicación do centro de día
Por Oskar Viéitez |
-
52 familias de Sanxenxo benefícianse do servizo de atención no fogar
Por Redacción |
-
Sanxenxo traballa nun novo concurso para o centro de día e propón ampliar o horario
Por Redacción |