A Deputación elabora unha guía de linguaxe inclusiva para aplicar en todas as súas comunicacións
Por Oskar Viéitez
Coa finalidade de potenciar a linguaxe non sexista, a Deputación de Pontevedra elaborou unha guía de comunicación inclusiva que, segundo anunciou este xoves a presidenta provincial, Carmela Silva, a partir de agora empregarán todas as áreas desta administración e que se enviará aos concellos para que teñan a posibilidade de utilizala.
A guía presentada é o resultado dun amplo traballo realizado desde a perspectiva de xénero polo servizo de Igualdade, creado durante este mandato na institución. Nela analízanse os usos comunicativos da Deputación coa intención de intervir de forma directa e modificalos.
Carmela Silva explicou en rolda de prensa que a linguaxe "é o instrumento que temos para crear pensamento, conviccións e formas de entender e relacionarse no mundo" polo que "ten que reflectir a realidade social" na que o 52% da poboación son mulleres "ás que se lles ten que dar visibilidade".
En concreto, potenciarase o uso da linguaxe inclusivo nos textos que leve a cabo a institución provincial, incluíndo tamén as campañas de comunicación institucional.
A guía inclúe un breve marco normativo sobre a linguaxe e a imaxe non sexista, á vez que proporciona ferramentas e un catálogo de recomendacións e posibilidades para establecer unha comunicación inclusiva tanto na escritura como nas imaxes.
Tamén recolle unha lista de termos ordenados alfabeticamente con alternativas de uso non masculinizado. Ademais inclúe bibliografía do material utilizado para elaborar a guía.
Relacionadas:
-
O persoal docente xa pode matricularse no curso de igualdade da Escola María Vinyals
Por Redacción |
-
VIDEO.- Compromiso dos Festivais Rías Baixas coa igualdade e a sustentabilidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Igualdade, inclusión e denuncia social fronte á Deputación no Día da Muller
Por Antía Fernández Buján |