O PP esixe a Lores unha rebaixa de impostos
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular quere que o goberno local de Pontevedra rebaixe os impostos aos veciños de Pontevedra a partir do vindeiro 1 de xaneiro de 2018.
O vindeiro pleno extraordinario da corporación aprobará a conta xeral do exercicio 2016 que reflicte un superávit do Concello de Pontevedra de máis dun millón de euros, unha circunstancia que se repite ano tras ano polo que os populares séntense "reforzados" na súa tese de unha "rebaixa xeneralizada" de impostos de polo menos un millón de euros, tal e como solicitaron nas reunións para a aprobación do último orzamento municipal.
O PP sinala que o goberno local deixou sen gastar o último ano 5.686.534,48 euros mentras que "a presión fiscal en Pontevedra dobra case a media dos concellos de Galicia".
"Non é lóxico que os pontevedreses estean a sufrir unha elevada carga impositiva para que despois o goberno do BNG manteña os cartos gardados no banco", destacou este xoves o concelleiro popular, Rafael Domínguez.
Os populares lembran a petición para a rebaixa da viñeta, a redución do IBI, a bonificación no ICIO do 50% para obras que favorecesen os accesos para persoas con mobilidade reducida; e no imposto polo servizo de abastecemento de auga ou na equiparación a uso doméstico do consumo mínimo en comercios, entre outras medidas.
Relacionadas:
-
Só Cidadáns apoia a proposta do PP para baixar os impostos municipais
Por Alejandro Espiño |
-
A comisión de Economía aproba unha rebaixa de impostos pero... será efectiva?
Por Redacción |
-
O goberno local sinala o "momento histórico" que vive Pontevedra cun récord de proxectos en marcha
Por Oskar Viéitez |